Tras dous anos sen organizar o festival, este ano voltamos. Voltamos porque precisamos lugares de encontro onde recuperar todas esas apertas e bicos que perdemos durante todo este tempo. Voltamos porque precisamos momentos para desexar colectivamente e para celebrar, con orgullo, que seguimos aquí. Voltamos para seguir construíndo baixo as inclemencias refuxios que acollan cada vez a máis persoas. Voltamos para seguir resistindo fronte a muíños xigantes e fábricas grises que atentan contra a nosa colorida diversidade. Voltamos porque precisamos unhes des outres máis que nunca.
Tras todo o vivido, cremos na importancia de habitar o rural e apostar por el como espazo dende o que imaxinar formas de convivencia inclusivas e coidadosas coa contorna. Para coller forzas de novo, tender pontes e ensanchar corredoiras, este 2022 organizamos o Festival Agrocuir da Ulloa.
Próximamente máis detalles.