O Festival Agrocuir da Ulloa é unha iniciativa sen ánimo de lucro celebrada no rural lucense dende hai sete anos. É un festival co obxectivo de reivindicar a diversidade sexual e de xénero no rural. A visibilización dos colectivos transexual, bisexual, intersexual, asexual e cuir, históricamente invisibilizados, forma parte da nosa labor central. Ademais, este festival aborda retos da actual sociedade como a defensa do bosque autóctono, a construcción dunha comunidade participativa e inclusiva, a equidade de xénero, a interxeneracionalidade, o despoboamento do rural, a recuperación da memoria ou a posta en valor do patromonio material e inmaterial da comarca. Abordar estes temas da lugar a que este festival se vaia convertindo nunha iniciativa de empoderamento comunitario que contribúe a rachar con estigmas existentes sobre o rural. O Agrocuir da Ulloa pon en práctica o diálogo e a escoita como ferramentas para a construcción de sociedades sanas e de novas propostas de vida que compatibilicen a necesidade de gañarnos a vida coa defensa da terra e da dignidade humana. Todo esto ponse de manifesto a través de diferentes actividades que dan lugar a un festival multidisciplinar no que a través do teatro, a música, os obradoiros, o baile, o deporte, o cine, a performance, etc. o público comparte dous días de convivencia, aprendizaxe e ocio sostible, demostrando o potencial do rural para establecer novas formas de vida e modelos de sociedade.
O Colectivo Agrocuir da Ulloa comezou cun pequeno grupo de amigues, de diversas procedencias, idades, sexualidades e sen experiencia profesional na xestión de festivais. Nestos dous anos que pasaron sen Agrocuir, o colectivo medrou grazas a persoas que mudaron a cidade polo rural, para habitalo e apostar por un modo de vida máis consciente e vinculado ao territorio. Temos en común o desexo de habitar nun rural vivo, diverso e sustentable, e para contribuír á nosa causa organizamos cada ano este festival sen ánimo de lucro, aprendendo e medrando xuntes en cada edición.
Respectemos o que cada unha queira ser –tanto en relación ás demais persoas como á natureza–, abramos o abanico de cores e compartamos un encontro tan máxico como sempre!