Manifesto

Benvides ao Agrocuir! Tras dous anos sen poder celebralo, sen poder atoparnos, sen poder abrazarnos, fainos unha ilusión inmensa ver esta praza chea de caras riseiras e expectantes. Para Monterroso é un orgullo acollervos a todes aquí nesta festa que enche de barullo e alegría as súas rúas. Dá gusto celebrar así a Ulloa e vela a través dos vosos ollos. Compartir este sentir e estas ganas de estar xuntes, festives e combatives de novo. E facémolo por sétima vez!

Precisabamos xuntarnos e celebrarnos hoxe quizais máis ca nunca, fronte á trombada dunha crise ecolóxica e social que ataca á vida cada vez máis e dende máis ángulos. Un momento no que estamos a esnaquizar o substrato ecolóxico que nos sostén, no que o individualismo cega os horizontes para imaxinar e construír outros mundos. Habitamos un presente no que nos envelenan o chan con macrogranxas, afógannos entre plantacións de eucaliptos e enchen os nosos montes de parques eólicos para xerar recursos que serán consumidos a centos de quilómetros daquí, co gallo de enriquecer a uns poucos. Un presente de auxe da extrema dereita e de normalización dos discursos de odio, no que aumentan as agresións. En Galicia seguimos sobrecollides polo asasinato de Samuel, pola agresión a unha muller trans na muralla de Lugo e tantas outras. Ao mesmo tempo, aumentan os ataques racistas nas nosas vilas e cidades. Xusto agora, neste momento no que poderiamos seguir enumerando problemas infinitos que nos poñen en crise dicimos: “queremos estar xuntes, aprender unhes doutres e facer deste gran corpo de corpos refuxio e alternativa”. Celebrar un festival coma este é celebrar as nosas formas diversas de vivir, ser, sentir e facer. Seguimos aquí, seguimos xuntes. Benvides!

Defendemos unha vida digna, boa, gozosa e libre de violencias. Para facela posible necesitámonos unhes aes outres. Estes días de festival gustaríanos que fosen exemplo e ensaio desoutros mundos que levamos nos nosos corazóns e botan por fóra cando nos xuntamos. De feito, este encontro é o resultado de todo un ecosistema de asociacións, veciñanzas, amizades, pequenos comercios… aquí presentes tamén sobre o escenario. Unha trama afectiva que, como o micelio discreto do bosque, xera un substrato fértil e nos conecta tamén con outros lugares e xentes. Que nos irmanda con outros festivais e proxectos. Grazas a esa rede, estamos hoxe aquí.

Sabemos que nun contexto de recursos cada vez máis limitados vai ser fundamental poñer no centro a nosa capacidade de facer xuntes, de convivir e afrontar os conflitos que iso conleva: queremos deixarnos interpelar por isto, asumir a parte que nos corresponde e medrar. As crises son momentos de ruptura pero tamén de oportunidade para cuestionar, transformar, ensaiar e impulsar outras formas de vida posibles. Para iso é importante atender á memoria dos que xa fixeron camiño, herdar saberes e tradicións e traelos ao momento que nos toca vivir. Neste agromar e reagromar, aprendemos e entrevemos o futuro que queremos construír. Fronte ao agorio e ao medo que produce o avance do neoliberalismo e as lóxicas ecocidas imos seguir respondendo, con alegría e creatividade. Como hai poucas semanas en Chorexe, a tan só uns 12 quilómetros daquí, respondeu o bosque autóctono xerando un manto protector fronte a un brutal incendio. Respondamos coma o bosque. 

Levamos a palabra cuir no noso nome e reivindicamos a súa forza. Cuir non é tan só unha referencia a con quen temos sexo ou cal é a nosa identidade. O cuir fala desa parte de nós que entra en fricción con esa cousa chamada normalidade, que a pon en entredito. O cuir para nós é prezado porque non nos obriga a encaixar en categorías pechadas, senón que se ofrece como fogar para a nosa disidencia. Obriga a inventar, a crear, a atopar novos lugares e formas onde poidamos recoñecernos.

Este ano propoñémonos xogar xuntes coa idea de que non hai nada máis cuir que a natureza. Rebelámonos fronte ás ríxidas descricións que a ciencia occidental fixo das persoas, dos corpos e das especies, separando a todos os seres en caixiñas estancas, xerarquizándonos e ordenándonos baixo unha idea de normalidade que nos oprime e non nos ve. Fronte a esa idea reduccionista do natural caben outras onde os límites son porosos, na que transitamos xéneros, especies, linguaxes e formas de vida en constante mutación. A diversidade social e afectiva é tan abafante como a biolóxica e ecolóxica. Unha exuberancia de cores e sabores que está dentro e fóra. Un tremor permanente que move os corpos e os desexos. Reivindicámonos parte desta natureza cuir que se desborda, que se reinventa, que é interdependente e que resiste.

A vida que defendemos é necesariamente xuntes e necesariamente en proceso de reconstrución continua. Éo tamén este festival e debemos lembrar que o que aquí pase será obra de todes es que aquí estamos. Parémonos a agradecer o lugar no que estamos, non é un recurso, é o noso fogar e estes días tamén o voso. Revisemos cada unhe e xuntes o noso lugar de privilexio para tomar consciencia das vulnerabilidades que atravesan outres, poder xerar un espazo seguro, accesible, antiracista e inclusivo no que todes nos sintamos igualmente coidades e libres. Aprendamos a buscar activamente o consentimento nas nosas accións, e tamén a escoitar, aceptar e agradecer a resposta. Necesitamos que o Agrocuir sexa un espazo onde caiban cada vez máis voces.

“Despois do traballo, ruada”. Este festival segue o ritmo da tradición de festexo do rural galego. A festa estivo tradicionalmente vinculada ao descanso do traballo colectivo -a malla, a sega-, ese que se puña ao servizo das necesidades do común e pechaba cunha celebración, cun serán, cunha foliada, onde a comunidade toma aire, onde se recoñece e onde se fai forte. Tamén nos engalanamos para render homenaxe ao sacro, a aquilo que consideramos máis importante, para xuntar á familia (tanto a dada como a escollida), para atoparnos de novo con quen se foi, acoller a amigues de fóra ou despedírmonos des que xa non están. Temos claro que para celebrar os nosos orgullos diversos non é preciso ir aos centros urbanos: facémolo nas vilas e parroquias que habitamos. E  hai moito que celebrar do que somos e do que construímos. A alegría e a forza das festas da aldea é en si mesma revolucionaria: esta noite somos unha charamela, efémera e poderosa, desa alegría que asolaga as nosas aldeas nas festas.

E xa acabamos. Convidámosvos a que vos mergulledes nesta Ulloa que nos ofrece refuxio: abramos corredoiras entre a nosa vida cotiá e a maxia que facemos cando estamos xuntes. Que a ruralidade e a disidencia sexan o pole para imaxinar outras formas de vivir o corpo, a sexualidade e a defensa do medio ambiente. Hoxe somos moitas aquí, e iso dános unha alegría tremenda, pero o que buscamos non é que esta festa concreta sexa cada vez máis grande. O que queremos é que haxa un orgullo en cada aldea. Fronte ó estigma, orgullo. Fronte ó odio, amor. Fronte ó furtivismo, visibilidade. Xuntes, alegres e rebeldes damos comezo á sétima edición do Agrocuir da Ulloa 2022.